Proxecto Identidade é un libro surxido da colaboración de 54 persoas que integran, dun xeito ou outro, a rede galega de blogues: o chamado blogomillo.
Neste libro feito a base de relatos, poemas, fotografías e ilustracións atópase o concepto de Identidade enfocado de distintas maneiras: a identidade como pobo, como seres sociais, a identidade como marca diferencial, o influxo desta arañeira que é internet, a música coa que se liberan os nosos "eus", cada un de nós atopándonos no espello ou nos recordos da infancia, a sexualidade vivida dun xeito que nos fai especiais, a enfermidade e a morte que nos distorsionan...iso, e máis, está presente en Proxecto Identidade.
PROXECTO IDENTIDADE
Sempre tiven moita curiosidade por saber, quen, cando e sobre todo porqué a historia, a dos historiadores, se divide en partes, en capítulos que por suposto afectan ás personaxes pero que moi probablemente elas non sexan conscientes de que o están a vivir. Isto porsuposto adoito poñelo en práctica comigo propio, máis ben, coa historia que me tocou vivir. Gústame xogar a pensar si este feito supón un cambio de era; se un fenómeno ten a relevancia suficiente para que, no contexto que estamos tratando, conleve un cambio do título que lle damos ao tempo que está a correr ou mesmo dicir cousas como xa sabía eu, eu estiven alí, esto suporá... Non quero facer proselitismo da miña teimosía etiquetadora, mais si levar á reflexión a partir dos feitos; e os feitos tédelos entre as mans ou na pantalla que tedes diante (e isto xa é un feito en si propio). Este libro é máis que un libro, estes escritos son máis que escritos, estas urls son máis que urls, igual que os fonemas nunha palabra son máis do que iso e igual que as palabras nunha frase son máis do que iso. Estás diante dun reflexo dun tempo, dun feito que supera a irrelevancia e eu quero que sexas consciente disto. Xa temos o quen e o cando: eu (ti) e agora; o porqué será o que decida se este feito pode supor que deixemos de escribir nesta páxina para abrir un novo capítulo, e ese é un traballo teu.
Non quería facer deste limiar a conclusión, pero tampouco quería deixar pasar esta ocasión para facer palpable o extraordinario desta xuntanza arredor da palabra. Da palabra Identidade... Imaxinades a un grupo de persoas (identidades individuais) que representan unha ou varias xeracións (identidade colectiva) nun país concreto (identidade política) escribindo textos nun idioma (identidade lingüística) común, arredor do termo identidade? Ese dificil equilibrio semántico está nas seguintes follas que teño o pracer de preceder, e que se volta realidade dun xeito totalmente natural; tan natural coma naceu, medrou e se reproduciu o blogomillo (e non, non morreu). Non perdades a oportunidade de coñecer mellor a vosa identidade.
Sak
Autores: Besbe, J., X, dorfun, Cesare, neno congoxa, a Doutora Seymour, Rosa Enríquez, Torreira, lourixe, Alberte Couto, Marcos Valcárcel, arume dos piñeiros, aultre narai, oko, zerovacas, el duende, Spav, as lauridinhas, Anxo López, Xurxo Sierra Veloso, Débora Campos, An, Marcos S. Calveiro, Tedhead, Ramón Trigo, zimmer103, Beluka, Iago Urgorri, Wicho, ifrit, emereci, ictioscopio, ghanito, Jan, acedre, O´Fartura, Calidonia, Estíbaliz Espinosa, Lorena Souto, W. Sobchak, Gustavo Harvey, Mario Regueira, o pastor eléctrico, o moucho branco, Gustavo Sequeiro, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas, Tati Mancebo, arrais, elianinha, Parzival e opaco.
Podes mercar unha copia física deste libro aqui.