LUCIA ALDAO - PAVA (2021)
Hai uns meses a poeta Lucía Aldao daba o salto á música en estado puro co seu album de debut, PAVA, un disco multicromático onde se albiscan pantones de frecuencias tan dispares coma a contundente fraxilidade dos primeiros discos de Cat Power en A letra desta canción e A do aire musculado, a etérea devoción shoegazer de A do faro ou as crúas guitarras velvetianas de Unha que soase así. Un total de cinco cancións nas que a personalidade da súa voz e a forza das súas letras orbitan na elipse das novas voces femininas xurdidas nos últimos anos ao outro lado do Atlántico coma Julien Baker, Lucy Dacus ou Phoebe Bridges.