RAÚL DIZ - DE CÓRGOMO A FAIR OAKS (2022)
Raúl Diz (Xinzo de Limia, 1981) recolle neste álbum cinco cancións nas que pon música a cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, 1903 – Fair Oaks, 1987), autor ao que se lle dedica neste 2022 o Día das Letras Galegas. De Córgomo a Fair Oaks é o título baixo o que se presentan unhas cancións que viaxan, como fixo o poeta, dende terras galegas ata América. Ao reiseñor, a canción que abre o álbum, é un poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. Os outros catro poemas adaptados: Liorta, Miudezas. Matanza, Dores do agro e Aí vén o maio, pertencen á obra Bebedeira, publicada pola Editorial Nós en 1934.
RAÚL DIZ - DE CÓRGOMO A FAIR OAKS (LP, 2022)
“O traballo sobre os poemas comezou como un proxecto para o colexio”, conta Raúl Diz, que ademais de músico e compositor exerce de mestre no ensino público. “O que quería era ter unha canción por nivel educativo, de maneira que o alumnado puidese aprender, interpretar e xogar un pouco cos poemas mediante a música. Como proxecto final está a idea de montar un pequeno festival no que os diferentes grupos mostren as súas interpretacións das cancións.” A formación como músico, pois Raúl é titulado na especialidade de guitarra, así como a súa traxectoria artística cantando, compoñendo e tocando en grupos como Os Amigos dos Músicos e Niño y Pistola, enriquece e vese enriquecida pola actividade docente. Iso si, os tempos das dúas actividades son diferentes: “ás cinco cancións que compoñen o álbum haberá que engadir nun futuro A malla, que estará lista para o traballo na escola, pois en primaria hai seis cursos, pero non chegou a tempo para o álbum, pois o arranxo esixía técnicas e recursos de gravación que excedían as miñas posibilidades.”
O proceso: da casa á rede
Raúl gravou as cancións na súa casa, nun período de dous días, o que completou un proceso de tres semanas nos que compuxo, arranxou, gravou e mesturou as cancións. Nese proceso sentiu preto ao seu amigo Jaime Mateo, fundador d’Os Amigos dos Músicos e ideólogo de Todomedre, o artefacto cultural baixo o que se publica De Córgomo a Fair Oaks. Jaime, falecido o pasado decembro, foi durante moitos anos un compañeiro inseparable para Raúl; os dous xuntos gravaron infinidade de cancións, algunhas coñecidas e outras, a maioría, inéditas e que forman parte dunha historia compartida e a maior das amizades. “Levo moitos anos gravando na casa, tanto maquetas para preparar gravacións como outras cousas que vou arquivando. Jaime tamén o facía e sempre estabamos facendo cousas xuntos, sobre todo na súa casa, onde tantas veces compartimos cancións, melodías o pequenas ideas que ás veces daban lugar a unha canción que gravabamos á caída para felicitarlle o Nadal á xente.”
Raúl Diz canta e toca todos os instrumentos que se escoitan nestas cancións, pero dende o primeiro momento recibiu o apoio do resto d’Os Amigos dos Músicos: “En canto lles mostrei as cancións, primeiro tocándollelas e despois xa as primeiras gravacións, animáronme moito para que as editase e insistíronme en que non se podían quedar soamente no ámbito do colexio.” Raúl sinala que “tiña dúbidas polo pouco tempo do que dispuña, pois era importante que as cancións se publicasen antes do Día das Letras Galegas, pero ao final conseguímolo.” Aí foi determinante a colaboración de Tomás Ageitos, quen nun tempo récord (en palabras do xefe d’A Ponte dos Concertos, “pódese facer mellor, máis rápido non, Jose”) masterizou as cancións para a súapublicación dixital. Para Raúl, a participación de Tomás foi o impulso definitivo: “teño moita experiencia gravando na casa, pero que unha persoa cos coñecementos e a experiencia de Tomás che diga que a música soa moi ben e que é un material co que se pode traballar supón unha inxección de confianza moi importante”. O resultado: as cinco cancións “A poesía de Florencio Delgado Gurriarán é moi variada e decidín escoller poemas curtos, que fosen amenos para aprendelos rápido, que tivesen un vocabulario non moi complexo e que permitisen xerar melodías recoñecibles e cantables. De aí a escolma, que ten un carácter moi popular, no que aparecen elementos da natureza ou dos traballos do agro.”
O álbum De Córgomo a Fair Oaks (Todomedre, 2022) contén cinco cancións compostas a partir de cinco poemas de Florencio Delgado:
1. Ao reiseñor: poema de 1923 que permaneceu inédito ata 1999. O único que non pertence á obra Bebedeira (Editorial Nós, 1934). “Quería conseguir unha melodía que permitise un canto dialogado no que uns cantan uns versos e outros responden cos seguintes. A partir de aí e dun xeito moi natural e espontáneo xurdiu a idea de empregar o verso ‘ouh doce trobeiro’ a modo de refrán.”
2. Liorta: unha especie de valse no que o pobre ourizo recibe resignado os golpes do vento. A canción vai acompañada dun vídeo clip que montou Daniel Alonso a partir dunha vella curtametraxe de debuxos animados de acceso libre.
3. Aí vén o maio: a canción está marcada por unha melodía que fai a guitarra de 12 cordas e que “xurdiu moi rápido, case antes que a melodía da voz. O que tardou máis en aparecer foi o cambio do medio da canción, que se resistiu case unha semana.”
4. Miudezas. Matanza: “desbotei a composición orixinal, que era máis complexa, e ao final conseguín chegar a algo máis sinxelo e cantable co que se puidese xogar con diferentes harmonías vocais.”
5. Dores do agro: “atopei moi rápido a estrutura en grupos de tres versos, pero iso obrigoume a repetir algúns para non mudar o sentido do poema. En canto á música, dubidei ata o último momento se incluír algúns arranxos adicionais con outros instrumentos, pero ao final e aconsellado polos compañeiros de Todomedre preferín manter a homoxeneidade e que todas as cancións estivesen baseadas nos instrumentos de corda.”