FILLOAS - FILLOAS (LP, 2022)
O vigués Iago Galego debuta co seu proxecto en solitario, Filloas, mesturando sen prexuizo ingredientes que a priori non convidan á maridaxe pero que unha vez pasados pola pedra quente dan lugar a unha proposta inédita na música galega: melodías pop pegañentas, voces trapeiras enchoupadas de autotune, guitarras afiadas fillas do estoupido do 77 e ritmos urbanos acelerados que piden a berros pista de baile. Ao longo de once temas o de Coruxo desprega un sincretismo postmoderno absolutamente desacomplexado co que acada unha sinatura persoal máis que recoñecible, un estilo propio embebido por unhas letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia", filla bastarda e trapeira do clásico "Galicia es una mierda" dos Ataque Escampe). Se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas. O futuro da música galega era isto. E mola mil.
filloas.bandcamp.com
contacto.filloas@gmail.com