Vixésimoquinta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.
Nesta nova sesión A Regueifa Plataforma elévase por riba do skyline do casco vello compostelán para filmar a novidosa fórmula de Bigornia. Unha proposta de vangarda inédita no País na que Fonsi aporta a música electrónica, manufacturada artesanalmente ao vivo con sintetizadores modulares, mentres Xabier se fai cargo do baixo e os audiovisuais analóxicos procesados, tamén, en tempo real. O dúo lanzou o pasado ano o seu primeiro traballo discográfico, Tándem, interpretando para a sesión dúas pezas novas, "Parálise" e "Matamarcian4s".