Hover Setting

slideup

Carabela - A noite (2024)

CARABELA - A NOITE (2024)

CARABELA é un proxecto que nace no ano 2021, formado por Ana Moas (vocalista), Alba V. Burke (teclados e programacións), Pablo Agra (guitarra, programacións e coros) e Pablo Pazos (baixo eléctrico). Despois da súa primeira aparición en escena co sinxelo “Catro pesos” (2022), a formación noiesa debuta no 2023 con "Nó", un EP completamente autoproducido de catro cancións nas que dan unha nova volta ao timón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional. Unha proposta musical coas coordenadas ben enraizadas en terra firme pero coa brúxula orientada ás rompentes da vangarda, cunha vocación contemporaneizadora da nosa música que enfía no ético e no estético con compañeiras de xeración coma Fillas de Cassandra,  Mondra, Baiuca ou Tanxugueiras. Logo de erixirse finalistas nos Premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Electrónica, a banda colle folgos para continuar na procura do seu son con novos temas.

“A noite” é o seu segundo traballo, un álbum no que describen os pensamentos que nos asolan na vulnerabilidade da noite. Estas ideas moldéanse con ritmos e graves duros e punzantes por momentos, e con melodías que nos elevan a unha atmósfera estrañamente onírica. Os contrastes e a fraxilidade, a delicadeza e a intensidade, comezan a marcar unha seña na ruta de Carabela, que non ten medo a mostrar novas caras.