Hover Setting

slideup

Fer - Unha historia (2024)

FER - UNHA HISTORIA (2024)

 Nestes tempos de grandes orzamentos e planificacións milimétricas non é habitual atopar discos que agromen dun xeito tan natural e discreto coma Unha historia. O primeiro traballo en solitario de Fer -50% daquel furacán que puxo do revés a escena galega baixo o nome de Verto hai uns anos- chegou ás redes o pasado mes de agosto coma un borboriño silandeiro. Sen facer apenas ruído. Unha consciente ausencia de promoción que, como acontece de cote coas figuras que crean alleas ao ruido da Industria, permite un discurso dunha honestidade pouco habitual na música galega actual. 

Ao longo de trece pezas de intenso arrecendo urbano e abraiante talento para o retrouso pop, o compostelán abre o peito sen anestesia para narrar o camiño que o levou á emigración, unha escolla vital afastada da música como un medio de vida que enchoupa todas e cada unha das pezas dun disco conceptual que reclama ser escoitado de principio a fin. Case unha hora de música que fará as delicias dos seareiros máis saudosos da esencia dos Verto e na que é quen de artellar un discurso radicalmente intimista pingado de temáticas tan actuais coma a turistificación, o centralismo, a sobreexposición nas redes sociais ou a escasez de vivienda. Sen dúbida un dos discos do ano.