Hover Setting

slideup

Miudiño Sessions #32 - Os Amigos dos Músicos


 Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions con Os Amigos dos Músicos, unha das formacións que marcou a lume a nosa escena da segunda metade dos anos dez. Cos seus dous discos longos, "Os amigos dos Músicos" e "Segundo fogar", foron quen de renovar o indie galegófono coa introdución de sonoridades e sensibilidades do folk rock americano até entón inéditas na nosa música por medio dun proxecto coral onde a sinerxia da suma do talento colectivo levaba a novas cotas os talentos individuais. Un grupos de amigos, antes que músicos, no que bateu a desgraza en 2021 ao perder, con só 41 anos, ao seu batería e alma máter, o inesquecible Jaime Mateo. Por iso, no terceiro cabodano do seu pasamento quixeron lembrar ao seu compañeiro interpretando "Os Amigos", unha versión adaptada polo propio Jaime dunha peza orixinal de David Mansanet.

Trixésimo segunda entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.