As Miudiño Sessions chegan á súa triséxima terceira entrega coa sesión que debullaron Mel na compaña de Antía Muíño nunha localización con tanto significado coma a Casa da Matanza en Padrón. A solaina de Rosalía de Castro foi testemuño da fusión de pop, jazz e electrónica do combo formado por Lucas de Centi (Néboa, Mocho Gris), Sandra "Chon" Pérez (Cantometrics, Néboa) e Miguel Arribas, arroupados polo feitizo da voz de Antía Muíño. Catro pezas a cabalo entre a vangarda e a tradición onde caben dende sintetizadores e caixas de ritmos até instrumentos con tan pouco predicamento na nosa música contemporánea coma o vibráfono e a marimba, confirmando a Mel coma unha das propostas máis únicas da escena galega.
Trixésima terceira entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non
comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola
nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas
propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis
veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a
foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e
por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.